BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA 2018


Bases reguladoras e convocar a concesión, para o ano 2018 do PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS no ámbito do Concello de Vilagarcía de Arousa coa finalidade de colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no municipio apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais.

BENEFICIARIOS/AS

Poderán acollerse a estas axudas os/as empresarios/as individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME), independentemente da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 2 de outubro de 2017 e o 30 de outubro de 2018 (entendendo por inicio de actividade a alta no I.A.E.). Para o carácter de PEME terase en conta o establecido no Anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión Europea.

REQUISITOS XERAIS DOS/AS BENEFICIARIOS/AS:

•  Que a empresa estea radicada en Vilagarcía de Arousa.
•  Que sexan empresas de nova creación, considerando incluídos, neste concepto, os traspasos de negocios, exceptuando aqueles traspasos que se realicen entre cónxuxes ou parellas de feito e familiares por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao inclusive, así como as transformacións de forma xurídica.
•  Que, como mínimo, unha das persoas promotoras estea en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo en calquera das formas xurídicas existentes.
•  Non ter débedas coa Seguridade Social, coa Consellería de Economía e Facenda, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), nin a empresa nin as persoas socias.
•  Non ter débedas co Concello de Vilagarcía de Arousa, nin a empresa nin as persoas socias.
•  Non poderán obter a condición de beneficiario/a os/as empresarios/as e as pequenas
empresas nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10, apartados 2 e 3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de Subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003 do 17 de novembro, Xeral de Subvencións (no caso de sociedades, nin a sociedade nin os/as socios/as).

TIPO, CONTÍA DAS AXUDAS E GASTOS SUBVENCIONABLES

As axudas son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar a creación do propio posto de traballo así como parte dos gastos iniciais de posta en marcha da actividade. O importe destas axudas será:

•  Contía fixa. 500 € pola creación do propio posto de traballo acreditada mediante a alta no Réxime Especial de Autónomos ou equivalente da Seguridade Social, mutualidade ou colexio profesional,con obriga de permanecer de alta alomenos dous anos no correspondente réxime da Seguridade Social.
•  Contía variable. Equivalente á metade dos gastos iniciais de posta en marcha da actividade, cun máximo de 2.000 Euros por empresa, con idéntica obriga de manterse de alta no Réxime correspondente da Seguridade Social durante un período de dous anos.
•  A axuda mínima de 500 € terá carácter individual, polo tanto concederase a cada un dos promotores que acredite terse dado de alta na Seguridade Social, mutualidade ou colexio profesional, como traballador autónomo ou profesional independente.

Os gastos que poderán ser obxecto de subvención corresponderán aos realizados dende dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

Advertisements