Finalidade / Obxectivo
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Tipos de apoio
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva
Beneficiarios potenciais
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:
As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.
2. Quedan excluídos desta orde:
a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de traballadores por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
b) As persoas traballadoras economicamente dependentes a que se refire o capítulo III do título II da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.
c) As persoas beneficiarias das axudas reguladas na orde do 11 de xullo de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2017 quedan excluídas das axudas as actuacións recollidas na liña 1 definidas no artigo 7.2 desta orde.
d) Autónomos/as societarios.
Sectores incentivables
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas dos seguintes sectores:
a) Pesca e acuicultura.
b) Ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.
c) Ás que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:
i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.
ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta repercuta nos produtores primarios.
d) Ás empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.
e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Investimentos ou gastos computables
Esta axuda terá dúas liñas de actuación:
Liña 1. Mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:
– Investigación de mercado.
– Plan de márketing.
– Plan de comunicación do negocio.
– Plan estratéxico do negocio.
– Plan crecemento: constitución sociedade.
– Plan de reorientación do negocio.
– Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio.
– Plan de refinanciamento.
– Tamén poderanse subvencionar outros estudos e planes que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.
Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona na súa convocatoria para o exercicio de 2018 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.
Liña 2. Mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:
– Compra de maquinaria.
– Compra de útiles e ferramentas.
– Reforma do local do negocio.
– Equipos informáticos.
– Rótulos.
– Aplicacións informáticas e páxinas web.
– Creación logotipo do negocio.
Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2 co límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.
A axuda para a compra de equipos informáticos outorgarase unicamente a persoas traballadoras autónomas con código de actividade CNAE 62, 631, 69, 702, 71, 72 e 741:
No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.
A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o día seguinte ao da publicación desta orde e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro do exercicio en curso.
Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os investimentos deben ser contratados con provedores que se adiquen á actividade obxecto da subvención.
Contía das axudas
Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se subvencione cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta do beneficiario.
Prazo de presentación de solicitudes
1. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos coa Seguridade Social, exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen, polo que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG; estará dispoñible a aplicación informática da sede electrónica desde as 9.00 horas do día seguinte á súa publicación no DOG ata as 23.59 horas do día de finalización do prazo.
Incompatibilidades
1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.
2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas, agás as outorgadas polo Igape dentro do programa Re-Acciona convocado para o exercicio 2018.
3. Esta axuda é incompatible nos mesmos conceptos de axuda coas subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais convocadas para o ano 2018.
Referencia lexislativa
Orde do 22 de maio de 2018 (DOG Nº 105 de 04/06/2018) – Bases reguladoras e convocatoria