AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS


Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Tipos de apoio

Axuda a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarios as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do PDR 2014-2020 e descritos no anexo XV.

Sectores incentivables

Sector forestal.

Requisitos principais do proxecto

Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe do mesmo.
2º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
3º. Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
4º. Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
5º. Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.

b) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración responsable do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.

c) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais.

d) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia na data do fin do prazo de solicitude. As empresas con instalacións fixas deberán estar inscritas no Rexistro Industrial na anterior data.

e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación, abondará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas axudas inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

3. Non poderán acadar a condición de beneficiarios:

a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise
.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Investimentos ou gastos computables

* Investimentos subvencionables en activos fixos produtivos

1. Os investimentos que se van subvencionar deben ser novos e non se poden iniciar antes de presentar a solicitude de axuda nin antes de que se realice a inspección comprobatoria á que se fai referencia no artigo 14.

2. Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), a excepción dos referidos no artigo 5. Os investimentos destinados a biomasa e outros produtos forestais distintos da madeira só serán subvencionables cando estes produtos teñan a súa orixe e se recollan no monte.

3. Consideraranse, con carácter exclusivo, os seguintes investimentos elixibles:

a) Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, acondicionamento e comercialización de produtos forestais non madeireiros e non alimentarios (biomasa e outros produtos forestais). No caso de produtos forestais alimentarios poderanse subvencionar unicamente investimentos de recollida e manexo en monte.

b) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal: asteladoras, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa.

c) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

d) Procesadoras, autocargadores, arrastradores forestais e outros equipos de corta e/ou saca de madeira, así como as adaptacións e implementos. Os implementos deberán ir instalados en equipos propiedade da empresa. Os equipamentos de saca de madeira ou biomasa consistentes en cabeza tractora con dobre tracción, plataforma e guindastre forestal só serán subvencionables en empresas que posúan tractocargador e/ou autocargador en propiedade.

e) Equipos tractocargadores completos e implementos forestais destes. Os tractores deberán ter cabinas adaptadas para o xiro do operario sentado, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida de biomasa.

f) Rozadoras, en número non superior aos equipos de saca de madeira ou biomasa propiedade da empresa.

g) Instrumentos de medición de masas forestais, en número non superior á maquinaria de saca de madeira ou de biomasa.

h) Maquinaria e instalacións para procesamento da biomasa forestal para producir enerxía: astelado, almacenamento, clasificación, caracterización, secado e acondicionamento da biomasa forestal. Só serán subvencionables cando a biomasa teña a súa orixe e recollida no monte.
i) Maquinaria e instalacións de primeira transformación de madeira.

4. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, subvencionándose neste caso unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberá realizarse no prazo de execución do investimento.

* Investimentos en plans e ferramentas de xestión empresarial

Poderán ser obxecto de axuda a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sustentable, e as cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal, excluída a adquisición de maquinaria. En concreto serán elixibles as seguintes actuacións:

a) Implantación, e certificación se procede, na empresa de ferramentas de xestión empresarial específicas da actividade forestal para o control de custos, calidade e mantemento.
b) Implantación e certificación da cadea de custodia de madeira certificada, e/ou normativas de calidade e plans de mellora de xestión empresarial.

* Investimentos non subvencionables:

a) A adquisición de terreos, edificacións e mobiliario.

b) A adquisición de maquinaria usada.

c) A maquinaria de simple substitución. Neste sentido non se considerará simple substitución de equipamentos cando se acade no novo investimento, como mínimo, un incremento da capacidade de produción ou da potencia nun 25 % ou cando o novo investimento vai traballar no sitio doutro similar, pero supoña un cambio fundamental na natureza da produción, na tecnoloxía empregada ou nas prestacións do equipamento. Só se subvencionará o diferencial de custo entre o novo equipamento e o que vai ser substituído. O valor deste último será verificado pola Administración sobre a valoración do equipamento presentada pola empresa na memoria.

d) A fabricación de pellets, nin ningún proceso que dea como resultado un produto de consumo final.

e) A obra civil, excepto a necesaria para o acondicionamento do parque de materia prima e produto (sempre e cando non se trate dun produto de consumo final) e para a instalación dos equipamentos de primeira transformación de madeira ou outros produtos forestais ou para almacenamento na propia industria. Non se subvencionarán naves illadas nin só naves en empresas de nova creación.

f) Os gastos de reparación e mantemento.

g) Os investimentos destinados á manipulación ou comercialización de produtos de países non comunitarios.

h) Investimentos destinados ao comercio polo miúdo.

i) Investimentos e actuacións con axudas financiadas con outros fondos comunitarios ou con fondos non comunitarios se a axuda total supera os límites sinalados no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

j) Motoserras, rozadoras manuais e outras ferramentas manuais.

k) Os investimentos en materiais non duradeiros, tales como os equipos de protección individual e roupa para os traballadores forestais.

l) A construción de camiños e os procesos de comercialización ou transformación a grande escala. Non será subvencionable a produción de pellets, a produción de planta forestal, envases e embalaxes, mobles e carpintarías.

m) Os investimentos iniciados antes da solicitude de axudas ao abeiro da convocatoria na que se solicita a axuda e/ou sen constancia oficial de non terse iniciado con anterioridade á solicitude no caso de investimentos en parques intermedios ou en instalacións de primeira transformación de produtos forestais.

n) Os investimentos para transporte estándar.

ñ) O IVE

Contía das axudas

Os investimentos subvencionaranse cunha axuda dun 40 % dos gastos elixibles.

A axuda máxima por solicitante limitarase a 150.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución.

Incompatibilidades

As axudas serán compatibles con outras que non teñan fondos da Unión Europea ata o máximo de axuda global admisible de acordo co artigo 8 do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión. En todo caso, o importe resultante da acumulación non poderá superar a intensidade máxima de axuda sinalada no anexo II do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Referencia lexislativa

Resolución do 12 de abril de 2018 (DOG Nº 82 do 27/04/2018) – Bases reguladoras

Advertisements