RE-ACCIONA TIC NA IMPLANTACIÓN DE SOLUCIÓNS DE INDUSTRIA 4.0


Axudas aos servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de Industria 4.0 para a súa realización en empresas galegas (Programa Re-accionaTIC)

Tipos de apoio

A diferenza entre o custo do servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie, en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia, e cumprir a definición de peme.

Requisitos principais do proxecto

1. O Igape poderá conceder axudas en especie consistentes na execución de servizos do Programa Re-accionaTIC, integrados nas seguintes categorías:

a) Servizo de diagnóstico de capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0.- Neste servizo analizarase a situación actual da empresa e farase unha detección das súas capacidades para orientarse cara a unha Industria 4.0. Tras a elaboración deste diagnóstico inicial a contratista identificará as necesidades organizativas e tecnolóxicas que lle permitan á empresa incorporar novas tecnoloxías e preparará un itinerario de implantación tecnolóxico.

b) Servizo de acompañamento na posta en marcha de solucións Industria 4.0.- Trátase de xestionar o proxecto de implantación dun mínimo de 2 medidas de solucións Industria 4.0 consideradas de maior relevancia pola empresa procedentes dun diagnóstico de capacidades que pode ser realizado dentro deste programa ou ben pode ser resultado doutra análise que ofreza similares resultados.

c) Servizo de xeración de modelos e simulación industrial.- Consiste en executar un proxecto de xeración de modelos e simulacións sobre os mesmos. Deste xeito, debe existir un produto, prototipo ou proceso que sexa susceptible da súa modelización, así como un problema a resolver para o que se necesite realizar procesos de simulación sobre o modelo xerado.

2. As pemes poderán solicitar axudas para a prestación dun ou varios servizos, se ben non poderán solicitar un servizo do mesmo tipo que outro xa solicitado anteriormente, a menos que renuncie ao anterior ou que a súa prestación xa estivera finalizada.

3. Os servizos adaptaranse en cada unha das prestacións á realidade da peme destinataria. Para este efecto, deberán establecerse inicialmente os parámetros de cada un deles: priorización de necesidades, alcance do traballo e ámbitos complementarios necesarios. A empresa contratada polo Igape para a prestación do servizo actuará durante todo o proceso como facilitador, aportando a metodoloxía de traballo e asegurando a calidade do mesmo.

4. Determinados servizos poderían contar coa participación dun bolseiro tutelado polo axente colaborador do Igape, o cal será determinado pola dispoñibilidade dos mesmos no Igape, e pola especificidade do servizo a prestar.

Cualificación requerida do proxecto

As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador do Igape en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos seguintes criterios de valoración:

a) Segundo o número de empregados da peme no último exercicio:
De 0 a 5: 5 puntos
De 6 a 15: 20 puntos
De 16 a 50: 50 puntos
51 ou superior: 35 puntos

b) Ter desenvolvido unha análise previa ou plan estratéxico onde se poña de manifesto a necesidade do servizo para o que se solicita a axuda: 25 puntos. Para a asignación desta puntuación, a análise deberá conter, polo menos: Presentación da empresa, principais magnitudes económicas e organizativas, exposición da situación actual da empresa, análise consensuada co equipo directivo das principais características do entorno e propias da empresa nas que se poden abordar proxectos de mellora, e de plans de acción motivados (ou borrador dos mesmos).

c) Actividades preferentes da Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0, que constitúe o Plan Director de la Industria de Galicia 2015-2020, definido no artigo 23 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, ou referenciados no Reto 2 (O modelo industrial da Galicia do futuro) da estratexia RIS3 de Galicia: sector automoción e auxiliar de automoción, industria da madeira, industria de transformación agroalimentaria, sector moda (confección e complementos), industria aeronáutica e auxiliar, sector náutica deportiva e de recreo e auxiliar de náutica deportiva e de recreo, sector químico e industria farmacéutica, fabricación de material sanitario, biotecnoloxía, biomecánica, fabricación de equipos medioambientais, fabricación de equipos e sistemas para instalacións de enerxías renovables, eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos, servizos e desenvolvemento de software, sector audiovisual e desenvolvemento de contidos e centros telemáticos, loxística: 15 puntos.

d) Pola asociación a un clúster: 10 puntos.

No caso de empate na baremación, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio “a”. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio “b” e así sucesivamente. Esgotados estes criterios de desempate, Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade, decidirase a favor do proxecto no que a empresa participante teña implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude e, en último caso, polo número de expediente máis baixo, que se outorga segundo a data de presentación da solicitude no Igape.

Contía das axudas

As axudas previstas nestas bases reguladoras configúranse como axudas en especie. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape pola prestación do servizo e o importe esixido ás beneficiarias en concepto de cofinanciamento.

Ás empresas que tiveran finalizado un ou varios servizos do mesmo tipo nos dous anos anteriores á solicitude aplicaráselles un incremento no seu cofinanciamento crecente dun 20% por cada un dos servizos do mesmo tipo reiterados nese período.

A diferenza entre o custo do servizo e o cofinanciamento privado terá a consideración de axuda en especie, en réxime de minimis, e a súa contía indicarase na resolución de concesión.

Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos para a presentación de solicitudes serán os seguintes:

Convocatoria / Inicio prazo – Fin do prazo

1 – 30.01.18 – 01.03.18
2 – 05.03.18 – 19.04.18
3 – 23.04.18 – 07.06.18
4 – 11.06.18 – 31.07.18

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía de outras axudas concedidas para o proxecto non supere o importe do cofinanciamento privado.

O proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pago para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme a un programa distinto.

Referencia lexislativa

Resolución do 29 de decembro de 2017 (DOG Nº20 do 29/01/2018) – Bases reguladoras e convocatoria 2018

Advertisements