Rebaixa fiscal no Conxunto Histórico de Cambados


A rehabilitación de inmobles e a posta en marcha de actividades económicas no Conxunto Historico de Cambados dispoñen de Beneficios Fiscais

A rebaixa fiscal da Xunta de Galicia para dinamizar os centros históricos das vilas galegas beneficia ao Conxunto Historico de Cambados, segundo recolle a orde elaborada pola Consellería de Facenda.

plano plan especial fefiñans
Conxunto Historico Zona Fefiñans

Nesta orde recolleranse todos os centros históricos nos que a Axencia Tributaria de Galicia aplica este novo beneficio fiscal, incluído nos Orzamentos da Xunta para 2018 –a través da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas– e que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro. O obxectivo desta medida é potenciar a rehabilitación de inmobles e a posta en marcha de actividades económicas en zonas históricas.

 

  • A rebaixa fiscal inclúe tres bonificacións fiscais:

Unha dedución no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para as persoas que rehabiliten un ben inmoble situado nun centro histórico; e dúas deducións no Imposto sobre Patrimonio, pola afectación a actividades económicas de inmobles nos devanditos centros históricos, e pola participación en entidades que exploten bens inmobles situados nestes centros.

plano plan especial cambados
Conxunto Historico Zona Cambados

Para establecer este beneficio fiscal é preciso delimitar dunha forma clara o ámbito territorial ao que afecta, é dicir, definir aquelas zonas consideradas centros históricos. Esta delimitación inclúe por unha parte os centros que teñen a categoría de conxuntos históricos declarados ben de interese cultural, como é o caso de Cambados, pero tamén outros ámbitos que teñen as características de centro histórico segundo unha evolución urbana ao longo do tempo con características tipolóxicas e estruturais recoñecibles da súa época e un conxunto de valores culturais.

plano plan especial santome
Conxuto Historico Zona San Tomé

Os monumentos ou xacementos arqueolóxicos sen sentido de agrupación urbana non están incluídos nesta orde, xa que o obxectivo desta rebaixa fiscal é precisamente dinamizar os centros urbanos das cidades e vilas galegas. Na delimitación xeográfica de cada centro histórico utilizaranse delimitacións xa existentes, fundamentalmente plans especiais de protección, plan xerais municipais e áreas de rehabilitación integral.