Beneficios fiscais na compra de vivenda no rural galego


Dende o 10 de febreiro de 2017 poden beneficiarse dunha dedución na cota do 100% determinados colectivos que adquiran a súa vivenda na Parroquia de Oubiña en Cambados e nun total de 20 máis do Salnés.

 

A que colectivos beneficia esta rebaixa fiscal?

Ás persoas con discapacidade igual ou superior ao 65%, ás familias numerosas e aos mozos menores de 36 anos beneficiarios dos tipos bonificados con límites en atención ao prezo de adquisición da vivenda e aos niveis de patrimonio dos contribuíntes.

Que é o eido rural?

Esta rebaixa fiscal aplicarase en todas as parroquias galegas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas, é dicir, aquelas nas que é máis necesario recuperar poboación co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas.

Na comarca do Salnés nas parroquias de Oubiña en Cambados; San Vicente no Grove; San Tomé, Covas e Simes en Meaño; San Martiño, San Salvador, San Lourenzo, San Vicente, San Tomé, Paradela e a Armenteira en Meis; Leiro, Lois e Santa Baia en Ribadumia; Bamio e Solobeira en Vilagarcia de Arousa; Baion e Tremoedo en Vilanova de Arousa e San Xulián na Illa de Arousa.

Por que a Xunta fai esta rebaixa?

O obxectivo é fomentar a adquisición de vivenda naquelas zonas do territorio galego que se atopen despoboadas, coa finalidade de promover o asentamento con carácter permanente, cos conseguintes beneficios que isto supón para o contorno.

Que efecto vai ter nestes colectivos?

A Xunta vai eliminar os impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para estes colectivos.