PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS


O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, mediante o apoio á adquisición de equipamentos produtivos e a execución de obras necesarias para a súa instalación, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais. Recordámoslle que desde Asec Asesores tramitamos  e  xustificamos estas axudas. No caso de que estivese interesado quedamos á súa disposición para que nos consulte

Tipos de apoio

Concesión en réxime de concorrencia competitiva suxeita ao límite de mínimis.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

Segundo a definición de peme, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balanzo xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

Sectores incentivables

Serán subvencionables os proxectos destinados á ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola…).

e) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

Requisitos principais do proxecto

Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). O anexo X relaciona as parroquias que teñen a consideración de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) O investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

– Aumentar a competitividade da empresa.

– Reducir os custos.

– Aumentar o valor engadido.

– Reducir o impacto ambiental.

– Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

– Diversificar as producións e/ou os mercados.

– Mellorar a calidade das producións.

– Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

– Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria-resumo do proxecto (anexo III) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

g) As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

h) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 euros e/ou superior a 300.000 euros.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 euros e 100.000 euros respectivamente.

Investimentos ou gastos computables

Con carácter xeral, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

b) Execución de obras e/ou instalacións encamiñadas á mellora ou ampliación de edificacións existentes na empresa que sexan necesarias para a instalación e funcionamento da maquinaria adquirida.

O importe máximo subvencionable para este concepto non superará o 50 % do total dos gastos subvencionables, ata o límite de 100.000 euros.

Contía das axudas

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Incompatibilidades

1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo II) e na solicitude de pagamento (anexo IX).

Referencia lexislativa

Resolución do 26 de decembro de 2017 (DOG Nº20 do 29/01/2018) – Bases reguladoras e convocatoria 2018