INVESTIMENTOS EN PEMES DE TRANSFORMACIÓN DOS PRODUTOS PESQUEIROS E DE ACUICULTURA


Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á realización de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura sustentables desde unha perspectiva ambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Recordámoslle que desde Asec Asesores tramitamos  e  xustificamos estas axudas. No caso de que estivese interesado quedamos á súa disposición para que nos consulte

As axudas terán como finalidade realizar investimentos que:

• Contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no ambiente, incluíndo o tratamento de residuos.

• Melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo.

• Axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano.

• Se refiran á transformación de subprodutos obtidos das actividades principais de transformación.

• Se refiran á transformación de produtos de acuicultura ecolóxica.

• Dean lugar a novos e mellores produtos, novos ou mellores procesos, ou novos ou mellores sistemas de xestión e organización.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser unha peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non ter cometido infracción grave.

5. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

6. Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

7. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Coa solicitude achegarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos no punto 2 ao 7 deste artigo.

9. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

Sectores incentivables

Sector pesca e acuicultura.

Requisitos principais do proxecto

a) Os investimentos teranse que realizar nun centro produtivo localizado en Galicia.

b) Deberán figurar de alta na Axencia Española de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa transformación de produtos procedentes da pesca, do marisqueo ou da acuicultura.

c) Non ser unha empresa en crise de acordo coa definición e coas condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01).

d) Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite o non inicio desles nos termos indicados no artigo 11 desta orde.

No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a súa non finalización por parte dos servizos da Consellería do Mar.

Cualificación requerida do proxecto

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, o non inicio delas por parte dos servizos da Consellería do Mar.

2. Non precisarán da certificación a que fai referencia o punto anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 euros.

3. No caso de proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de actas de non inicio anticipadas, que terá que ser posterior á data de realización da devandita acta.

4. Se for necesario iniciar as actuacións antes do inicio da data de presentación de solicitudes da convocatoria anual correspondente, de forma excepcional poderase facer unha certificación de non inicio antes de que estas comecen, nos termos indicados nas bases.

5. Para esta convocatoria poderanse admitir actas de non inicio realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2014, sempre e cando os investimentos non estean finalizados nin completamente pagados antes da presentación da súa solicitude de axuda para a presente convocatoria, o que deberá ser comprobado pola Administración coa máxima colaboración do interesado, e será un requisito indispensable para a validez da acta. O interesado deberá solicitar expresamente esta comprobación para dar validez á devandita acta.

6. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

7. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.

Investimentos ou gastos computables

1. Os investimentos que acaden a finalidade do artigo 3 desta orde poderán ser obxecto de subvención.

2. Non serán subvencionables:

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– As transferencias de propiedade dunha empresa.

– Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos nin os gastos de mantemento das estruturas ou empresas, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial, ben pola súa tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento, ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego.

– As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.

– A construción e a adquisición de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamento que non supoñan unha mellora substancial nos procesos de produción, no incremento da produción, na creación de emprego, na calidade dos produtos ou melloras para o ambiente.

– A adquisición de terreos.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencia bancaria ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

3. De ser o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.

4. A elixibilidade da operación basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Contía das axudas

A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable a que se refire o punto 2 deste artigo.

Prazo de presentación de solicitudes

Para esta convocatoria de 2018 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

Incompatibilidades

1. Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

2. No obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no punto anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Referencia lexislativa

Orde do 18 de decembro de 2017 (DOG Nº27 do 07/02/2018) – Bases reguladoras e convocatoria 2018

Advertisements