CONTRATACIÓN DE XESTORES DE INTERNACIONALIZACIÓN (2017)


igape_internacionalFacilitar a incorporación ou reinserción no mercado laboral – de xoves profesionais e de profesionais sénior experimentados en situación de desemprego- ao mesmo tempo que se apoia ás pemes galegas no seu proceso de internacionalización. Poñendo a disposición das pemes: profesionais con formación especializada, subvención para a súa contratación e titorización do xestor durante o período de contratación subvencionable.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas, incluídos autónomos/as, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que teñan na data de publicación destas bases no DOG e, ata a data de liquidación da axuda destas bases, algún empregado por conta allea en Galicia distinto da contratación obxecto desta axuda.

e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Sectores incentivables

Todos

Requisitos principais do proxecto

Condicións da contratación:

1.- O xestor deberá pertencer a algunha das seguintes categorías:
a) Xoves profesionais nacidos a partir de 1 de xaneiro de 1981.
1) Debe contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.
2) En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberá acreditar formación específica de postgrao en comercio internacional:
i) Bolsa de prácticas de postgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou,
ii) Master de comercio exterior ou,
iii) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.
3) Non ter desempeñado en España con anterioridade -antes da contratación oxecto destas bases- traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 por un período total superior a 185 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación ou prácticas) nin ter estado dado de alta como autónomo en España con anterioridade -antes da contratación obxecto destas bases- por un período superior a 185 días nun CNAE relacionado con comercio por xunto, intermediairios de comercio ou actividades profesionais de consultaría (CNAE 4670)
4) No caso de estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil,a cuantía da axuda incrementarase segundo o establecido no artigo 5.2.a.
b) Profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 01/01/1973):
1) Debe contar con titulación universitario o con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.
2) En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberá acreditar formación ou experiencia laboral relacionada coa internacionalización empresarial:
i) Bolsa de prácticas de postgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou,
ii) Master de comercio exterior ou,
iii) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.
iv) Experiencia laboral igual ou superior a 12 meses na categoría profesional que corresponda coa titulación esixida e relacionada coa internacionalización empresarial.

c) En ámbolos dous casos, profesionais xoves ou sénior, deberán cumprir as seguintes condicións:

1º Estar dado de alta como demandante de emprego (ou demandante de mellora de emprego) no servizo público de emprego de Galicia.
2º Un mesmo xestor poderá ser obxecto dun máximo de dúas contratacións subvencionables na mesma convocatoria.
3º Estar dado de alta na base de dataos de xestores de internacionalización do Igape, na páxina web: http://www.igape.es. A validación da alta nesta base de datos e en virtude do declarado polo xestor, o Igape non solicita documentación acreditativa dos requisitos de acceso á base no momento de validar dita alta, polo que o solicitante da axuda debe recabar a documentación acreditativa dos requisitos de acceso á base e declarados polo xestor.

2.- O contrato:

O obxecto do contrato é a realización baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento de contratación (excepto contratos de alta dirección) para un centro de traballo en Galicia de actividades relacionadas coa internacionalización empresarial.

3. Exclusións:

a) Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor con vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou as súas empresas vinculadas.

b) Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas antes da convocatoria (ser bolseiro non se entende como relación laboral).

c) A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Enténdese por vinculación entre empresas ás que cumpran os requisitos establecidos no artigo 42 do Código de Comercio.

4. Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante e convocatoria.

5. Para reforzar a formación do xestor e/ou para que a labor do xestor sexa máis produtiva para a empresa que o contrate, estes xestores serán titorizados polo Igape asignando para a súa supervisión e axuda, un profesional con experiencia en internacionalización empresarial.

A titorización consistirá en:

a) O xestor poderá consultar dúbidas sobre cuestións de internacionalización empresarial co titor.
b) Convocaranse reunións do titor individuais e/ou en grupo con varios xestores aos efectos de poñer en común dúbidas e interactuar entre eles.
c) Solicitarase ao xestor informes trimestrais do tipo de tarefas realizadas.

Investimentos ou gastos computables

Serán subvencionables contratos laborais por conta allea (baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación) -a tempo completo ou a tempo parcial (neste caso dunha duración mínima do 50% da xornada laboral completa)- de xestores da base de datos de Igape de xestores de internacionalización por un período mínimo de 15 meses ou polo tempo restante deses 15 meses no caso de contratos de xestores substituidos dos iniciais.

No caso de contratos a tempo parcial, un mesmo xestor pode ser compartido -con contratos subvencionados por estas bases- por un máximo de dúas empresas.

O custo subvencionable será o salario neto correspondente a un máximo de 15 meses de contratación.

O período de contratación subvencionable é o comprendido dentro do prazo de execución, entre a data de solicitude de axuda e o 31 de agosto de 2018.

Contía das axudas

A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable:

a) 85% no caso de contratación de mulleres ou mozos de calquera xénero inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
b) 80% no resto dos casos.

O custo subvencionable máximo ao que se aplicará a porcentaxe de subvención polo tanto é (de acordo ao disposto no artigo 5.c) da orde ESS/1924/216 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2014-2020):

a) Tempo completo: salario neto de 16.710€ (15 mensualidades con prorrateo das pagas extras). O importe do salario mensual neto subvencionable con prorrateo de pagas extras é de 1114€.
b) Tempo parcial (50% da xornada laboral completa): salario neto 8.355€ (15 mensualidades con prorrateo de pagas extras). O importe do salario mensual neto subvencionable con prorrateo de pagas extras é de 557€.

O custo subvencionable caluculouse como un baremo estándar de custo unitario acordo ao disposto no artigo 67.1.b) do regulamento da Unión Europea 1303/2013. O módulo que se aplicou corresponde ao salario medio bruto de contrato temporal a tempo completo: 1.313€. Fonte: INE. O módulo actualizarase para o exercicio 2018 no caso de que a variación supere o 5%.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará transcorridos dous meses desde a dita data.

Incompatibilidades

As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable

Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

Referencia lexislativa

Resolución do 2 de marzo de 2017 (DOG Nº 48 do 09/03/2017) – Bases reguladoras e convocatoria 2017.

Advertisements