UNHA TARXETA ELECTRÓNICA AXUDARÁ AOS AUTÓNOMOS A TRABALLAR NA UE


TJUESerá un proceso voluntario que axilizará e abaratará os trámites para operar temporalmente ou abrir filiais no exterior

A Comisión Europea propuxo a creación dun carné dixital para que pemes e autónomos poidan axilizar os trámites esixidos para realizar operacións e prestar os seus servizos noutros países da Unión Europea. Desta forma, as empresas dos sectores dos negocios e a construción que queiran operar noutros países comunitarios poderán obter o permiso de operacións, proporcionando toda a información necesaria a unha única autoridade no seu propio país e idioma.

A información proporcionada será traducida ao idioma do país de destino, que manterá todas as competencias para fixar os requisitos de autorización para operar no seu territorio, tanto si é de forma temporal, como definitiva. Bruxelas calcula que, con este procedemento, reducirase de 16 a 7 ou 9 semanas o tempo necesario para tramitar a apertura dunha filial noutro país e en ata un 50% os gastos de administración, que, na actualidade, poden chegar a alcanzar os 10.000 euros.

As vantaxes máis importantes da medida serán o aforro dos custos das traducións oficiais, a realización dos trámites nun portelo único e a facilidade para obter os seguros necesarios para os profesionais no país de destino. As pemes e autónomos só terán que reencher unha autorización por cada país no que queiran operar e polo tipo de servizos que desexen prestar.

Segundo a Comisaria de Emprego da Unión Europea, Maryanne Thyssen, a nova tarxeta electrónica non interferirá coa directiva establecida para os traballadores desprazados e os Estados membros poderán tomar as medidas de control que estimen oportunas. Bruxelas insiste en que a medida non carrexará un problema de competencia entre os traballadores locais e os estranxeiros porque estes presten servizos a prezos máis baixos que os nacionais.

A proposta do carné electrónico enmárcase dentro dun paquete de medidas presentado polo Executivo comunitario co obxectivo de dar un novo impulso ao mercado de servizos europeo, que representa o 70% da economía da UE e xera o 90% dos novos postos de traballo.
Advertisements