Axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia.


subvencionesEsta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas para a utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2014-2020 dentro da media 4 Investimentos en activos físicos, submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas (procedemento MR351A), así como convocalas para o ano 2017.

Ten como finalidade:

a) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

b) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

c) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Beneficiarios:

a) As cooperativas agrarias que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, as sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG núm. 251, do 30 de decembro), de cooperativas de Galicia.

b) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.

c) As cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade e as SAT procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións, nos 10 anos posteriores á súa constitución.

Requisitos:

1. Deberán ter un número mínimo de catro socios:

2. Deberán xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos mediante a presentación dun estudo de viabilidade.

3. Utilizarán a maquinaria subvencionada para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións.

4. No caso das CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común e as cooperativas agrarias recollidas no artigo 3.a) e b), están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

5. Deberán inscribir a maquinaria obxecto de axuda no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculala cando a tipoloxía da máquina o requira.

6. Non ter a consideración de empresa en crise. No caso de empresas intermedias, a consideración de empresa en crise efectuarase de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01). Considérase que unha empresa intermedia está en crise se concorre polo menos unha das circunstancias a que se fai referencia no punto 20, letras a), b), c) e d) das ditas directrices. Mentres que no caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise son as que concordan coa definición do artigo 2, número 18), do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.

7. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

8. Deberán cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate. Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, os cales se presentarán coa solicitude de pagamento.

9. Deberán dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, no cal deben de estar incluídos os gastos declarados para esta axuda.

10. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionado por delitos ou infraccións ambientais.

Advertisement