Axudas destinadas a plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e de asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.


ORDE do 28 de outubro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2016 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a organizacións de produtores pesqueiros e de asociacións de organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Obxecto:

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros no ámbito autonómico galego, segundo establece a sección IV do capítulo II do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

Por outra banda, tamén é obxecto desta orde convocar as axudas para o ano 2016 dos plans de produción e comercialización correspondentes aos anos 2014 e 2015.

As actuacións obxecto de axuda enmárcanse no programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para España, dentro da prioridade 5 do artigo 6 do Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) núm. 2328/2003, (CE) núm. 861/2006, (CE) núm. 1198/2006 e (CE) núm. 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) núm. 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.

Sen prexuízo do establecido no anexo «Gastos» da presente convocatoria, serán subvencionables, de xeito xeral, os seguintes gastos:

a) Os gastos derivados da contratación de empresas externas ou profesionais independentes para a preparación ou realización dalgunha ou algunhas das medidas incluídas no plan de produción e comercialización.

b) Gastos de persoal propio, xa sexa de estrutura ou contratado para unha medida concreta do plan de produción e comercialización, incluídos aqueles custos indirectos, segundo establecen os artigos 67 e 68 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

c) Gastos derivados de convenios de colaboración con organismos científicos e outras entidades, que deberán formalizarse por escrito e recollerán o obxecto deles, os traballos que se van realizar, o tempo de execución e o orzamento, debidamente desagregado por capítulos.

d) Obras, adquisicións de bens e subministracións correspondentes a medidas previamente aprobadas no plan de produción e comercialización.
e) Gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención para a asistencia a feiras, congresos, cursos, reunións, xornadas ou eventos semellantes en medidas aprobadas no plan de produción e comercialización.

Beneficiarios:

As organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros establecido no artigo 6 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar, dentro do prazo conferido, as actuacións obxecto da subvención para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, aprobados mediante resolución do órgano competente na materia.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable aos beneficiarios.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicar á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.
f) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención a participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.

i) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, este non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) núm. 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) núm. 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, nin ter sido declarado culpable de cometer fraude.

j) Se o investimento comporta a xeración de residuos, deberanse cumprir as condicións sinaladas, para cada tipo de residuo, na normativa sectorial.

k) Indicar, no momento da solicitude, o valor da produción en primeira venda en euros e toneladas correspondentes ao ano 2015, seguindo o modelo incluído no anexo VI de indicadores do proxecto.

Así mesmo, unha vez pagada a axuda, deberán proporcionar ao Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar o valor da produción en primeira venda, en euros e toneladas, correspondentes ao ano 2016.

Requisitos:

Requisitos xerais dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas reguladas pola presente orde estarán suxeitos aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Non incorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (UE) núm. 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) núm. 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) núm. 404/2011. Cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) núm. 404/2011 suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

f) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE; con carácter xeral serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos mencionados no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos mencionados no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

g) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos específicos dos beneficiarios.

Sen prexuízo do anterior, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter aprobados os seus plans de produción e comercialización en cumprimento dos obxectivos da OCM establecidos nos artigos 3 e 7 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, e de acordo ao artigo 14 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

b) Así mesmo, deberán ter aprobados os informes anuais correspondentes ao exercicio dos plans de produción e comercialización indicados na alínea anterior, de acordo co artigo 28, apartado 5 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, e co artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

c) As medidas aprobadas no plan de produción e comercialización, e posteriormente executadas e xustificadas no informe anual, deberán contar coa calidade técnica necesaria. O órgano xestor poderá solicitar un informe a outros organismos públicos para que avalíen se os traballos se axustan aos tempos e orzamentos presentados no informe anual.

No caso de detectar traballos plaxiados ou de calidade insuficiente que derive de informes segundo o disposto no punto anterior, a comisión de selección establecida no artigo 17 indicará que a devandita medida non é elixible.

Prazo de presentación : 16/11/2016 – 15/12/2016.

Un mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Prazo de resolución : Tres meses

Sentido do silencio administrativo : Negativo

 

Advertisement