Novidades do Real Decreto-lei 1/2015, do 27 de febreiro, de mecanismo de segunda oportunidade, redución de carga financeira e outras medidas de orde social.


AEATEsta norma non é allea ao ámbito tributario dado que se regulan medidas que afectan tanto ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas coma ao Imposto sobre Sociedades, mellorando aspectos de normas de recente aprobación.

En canto ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas recóllese unha das medidas anunciadas polo presidente do Goberno no debate do Estado da Nación. En concreto créase un novo imposto negativo de 1.200 € anuais para os contribuíntes que formando unha familia monoparental con dous fillos non teñan dereito a percibir anualidades por alimentos, sempre que se teña dereito á totalidade do mínimo por descendentes. Ademais, amplíase o ámbito de aplicación dos impostos negativos que non só poderán aplicarse polos traballadores por conta propia ou allea, podendo beneficiarse tamén os contribuíntes que perciban prestacións do sistema público de protección de desemprego ou pensións dos réximes públicos de previsión social.

Outra medida que afecta a este Imposto é a regulación dunha nova exención para as rendas obtidas polos debedores como consecuencia de quitas e dacións en pagamento establecidas nun convenio aprobado xudicialmente, nun acordo de refinanciamento xudicialmente homologado ou nun acordo extraxudicial de pagamentos, todos eles previstos na Lei Concursal, sempre que as débedas non deriven do exercicio de actividades económicas (nese caso o réxime será o previsto no Real Decreto-lei 4/2014).

Por último, en canto ao Imposto sobre Sociedades vólvese exonerar da obriga de presentar a declaración por este Imposto aos contribuíntes acollidos ao réxime especial de entidades parcialmente exentas cando cumpran simultáneamente os seguintes requisitos: que os ingresos totais non superen 50.000 euros anuais, que os ingresos correspondentes a rendas non exentas non superen 2.000 euros anuais e que todas as rendas non exentas que obteñan estean sometidas a retención (pero sempre que non estean suxeitas á Lei 49/2002 e non se trate de partidos políticos). Recordamos que a Lei 27/2014, do Imposto, obrigaba a todas as entidades parcialmente exentas a presentar o Imposto, ao contrario do que sucedía co Texto Refundido vixente anteriormente.

Advertisement