Bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015


ayudas-maternidad-2014Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar polas fillas ou fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2015.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o 2.1.2012 e o 1.1.2015, incluídos) e que, durante o ano 2013, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

No caso de fillas ou fillos adoptadas/os ou acollidas/os entre o 31 de decembro de 2013 e o 31 de decembro de 2014, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio das persoas proxenitoras, o beneficiario ou beneficiaria da prestación será aquela persoa que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

4. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Requisitos

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

a) Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderán ser requiridas para que presenten documentación complementaria que o demostre.

b) Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.

Tipo de axuda e contía

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

– Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

– Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

– Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Prazo para a presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015.