Os transportistas galegos non recibiron aínda nin un euro do céntimo sanitario


centimoOs transportistas galegos que reclamaron a devolución do céntimo sanitario cobrado indebidamente pola Xunta entre os anos 2002 e 2013 -segundo sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza- non recibiron aínda nin un euro. Isto a pesar de que fontes da Axencia Tributaria informaron á axencia Europa Press de que a semana pasada empezaran a formalizar os reintegros, que sumarán 2.000 millóns en toda España.

Alberto Vila, xerente da Asociación de Transporte de por Mercadorías Estrada de Galicia, explicou que nada saben de devolución algunha. Ben ao contrario, Facenda está a reclamar constantemente documentación nova a cada reclamante que acredite a veracidade das cantidades esixidas. Por se as facturas non fosen suficientes, o último que está pedindo a Axencia Tributaria son certificados de consumo, que deben expedir as petroleiras. Segundo Vila, as empresas propietarias das estacións de servizo teñen que certificar que fulanito encheu tal día en tal gasolineira. É dicir, confirmar a información enviada por cada camioneiro. Ademais, detallou o xerente da asociación de transportistas, o certificado en cuestión ten que ser emitido nun determinado formato compatible coa base de datos de Facenda a fin de facilitar a xestión da información. En definitiva, os transportistas están a facer fronte a un «proceso sinuoso» para recibir a devolución do imposto cobrado indebidamente. «Vemos que vai haber que pelexar litro a litro» de combustible, resumiu Alberto Vila.

Devolución dunha parte

Segundo informou Europa Press o domingo, citando fontes da Axencia Tributaria, a Comisión Europea permitiu ao Goberno devolver unha parte do céntimo sanitario (2.000 millóns), dado que a devolución íntegra do cobrado indebidamente (13.000 millóns) situaría os niveis de imposición en materia de hidrocarburos por baixo dos mínimos esixidos pola directiva que regula a fiscalidade enerxética.

As asociacións de transportistas non teñen constancia de que a Comisión Europea teña aceptado as alegacións nese sentido do Ministerio de Facenda.

(Fonte: La Voz de Galicia)

Advertisement