Novas axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural


institucionalO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR 2007-2013).

Estas axudas teñen como obxectivos a mellora silvícola das masas forestais existentes, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras e o aumento da superficie forestal arborizada. Tamén, a obtención de montes arborizados con producións elevadas e de calidade suficiente, que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación de aproveitamentos complementarios e a promoción da silvicultura de xeito que contribúa como fonte de xeración de emprego das persoas que viven no rural.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual e as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Así mesmo, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

A intensidade da axuda será como máximo do 60 % en zonas desfavorecidas e do 50 % noutras zonas, calculándose a axuda sobre o custo real do investimento determinado no correspondente proxecto técnico.

En canto ás actuacións obxecto de axudas, serán de cinco tipos: Os rareos en masas estables de coníferas con diámetro normal medio da masa inferior a 12 cm e razón media altura e diámetro menor de 90; as rozas previas ás podas e podas en masas de coníferas; os tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 20 cm, considerando como tales aquelas cun mínimo dun 80 % de superficie ocupada por frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e cunha densidade mínima destas de 400 pés/ha e altura media superior a 1,5 m; a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 100 pés/ha; e os tratamentos silvícolas en masas de eucalipto co obxectivo de obter madeira de calidade para serra ou chapa, en quendas de 25 anos.

Advertisement