Como serán os grandes impostos en 2015


transferencias-entidades-locales-llegan-millones_EDIIMA20140930_0637_4O Goberno prevé nos Presupostos Xenerais do Estado que os ingresos tributarios alcancen este ano os 186.112 millóns, un 5,4% máis que a última previsión de peche deste ano. Este aumento tributario coincide coa reforma fiscal que actualmente se debate no Congreso e que incorpora unha redución de tipos no IRPF e no imposto sobre sociedades. Esta é a previsión sobre os grandes impostos para o ano que vén:

IRPF
Aumentará o soldo neto
A rebaixa de tipos impositivos no IRPF que incorpora a reforma fiscal reflectirase xa na nómina de xaneiro. Os sete tramos actuais reduciranse a catro e o gravame máximo pasará do 52% ao 47%. O mínimo, baixará do 24,75% ao 20%. Un contribuínte solteiro e sen fillos que hoxe gaña 25.000 euros brutos ao ano paga por IRPF 4.023,6 euros anuais. A partir do próximo exercicio, esta cifra reducirase ata os 3.693,4 euros. Supón un aforro de 330 euros anuais. En 2016, cando entrará en vigor a segunda fase da reforma fiscal, a cota a pagar reducirase aínda máis ata os 3.534 euros, 489 euros menos que agora.

IVE
Os tipos non subirán
A pesar das insistentes recomendacións de Bruxelas, o Executivo non volverá subir os tipos impositivos do IVE. Facenda entende que o gravame xa se encontra na media europea e tamén rexeita aplicar o tipo xeral a bens e servizos que hoxe gozan de gravames reducidos. O Executivo argumenta que calquera incremento fiscal danaría a recuperación económica e prexudicaría a demanda interna. Ademais, a recadación do IVE avanza a ritmos próximos ao 7% e Facenda prevé que os ingresos do ano próximo superen por primeira vez a barreira dos 60.000 millóns, unha cifra que case duplica a recadación de 2009.

Sociedades

O tipo nominal cae ao 28%
Tras anos de reclamacións das empresas, o tipo nominal do 30% no imposto sobre sociedades, un dos máis elevados da UE, baixará o 28% a partir de 2015. E, en 2016, reducirase novamente ata o 25%. Así o contempla a reforma fiscal. Non obstante, tamén se incorporan medidas restritivas como os límites para compensar bases impoñibles negativas de exercicios pasados. Os gastos financeiros tampouco serán deducibles na súa totalidade, como sucedía ata 2012. A pesar da rebaixa de tipos, o Goberno estima que a recadación do imposto sobre sociedades alcanzará os 23.577 millóns, un 20,4% máis que en 2014.

Hidrocarburos
Regresa a niveis precrise
O imposto sobre hidrocarburos é un bo indicador da evolución da actividade. Facenda confía en que a mellora da economía eleve a recadación do imposto sobre hidrocarburos ata os 10.695 millóns. Se se cumpren esas previsións, significa que os ingresos derivados do imposto sobre os carburantes regresarán o próximo ano a niveis previos da crise económica. Por exemplo, en 2007, a recadación por hidrocarburos alcanzou os 10.715 millóns, a maior cifra xamais rexistrada. A partir dese exercicio, empezou a caer con forza ata que tocou en chan en 2012, exercicio en que os ingresos non superaron os 8.600 millóns.

Impostos Especiais
Tabaco e alcohol mantéñense
O conxunto dos impostos especiais, que inclúen os tributos que gravan os hidrocarburos, o tabaco, o alcohol, a cervexa ou a electricidade, achegarán ás arcas públicas 19.894 millóns en 2015. A cifra supera os 19.057 millóns que Facenda estima que se recadarán este ano, aínda que se encontra por debaixo da previsión inicial incluída nos Presupostos de 2014.
Non se esperan cambios normativos que afecten ao imposto sobre o alcohol nin o tabaco, cuxos tipos xa subiron o ano pasado. O imposto sobre a cervexa tampouco sufrirá modificacións. A recadación dos tres tributos manterase en niveis similares aos deste ano.

(Fonte: Cinco Días)

Advertisement