Axuda periódica de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.


vi-plan-galego

Obxeto:

Establecer as bases, que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2014.

A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.

Contía das axudas

1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2014, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:
a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.
b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.
c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.
d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.
e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.
f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:
a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.
b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.
c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.
d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.
e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes.
f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

2. Non se considerarán a cargo as/os menores emancipados e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Beneficiarios:

Mulleres que sofren violencia de xénero.

Obrigas das beneficiarias
1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
2. As beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle ao órgano concedente calquera cambio das circunstancias que xustificaron a concesión da axuda e, en todo caso, a actualizar e remitirlle con carácter semestral as declaracións responsables recollidas no anexo II.
3. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda, agás aquelas mulleres que por motivos de seguridade derivados da situación de violencia de xénero, se vexan obrigadas ao traslado a outra comunidade autónoma do territorio nacional sempre que se xustifique esta circunstancia a través dun informe, dos servizos de acollida ou dos servizos sociais, da Administración pública galega autonómica ou local, así como a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.
4. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, busca activa e mellora de emprego, e calquera outro que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.

Requisitos:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 3.2.a) destas bases reguladoras emitido no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude e, de ser o caso, cun informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.
b) Ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
c) Estar empadroada e residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou que estes sexan de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

A solicitante deberá reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados no punto anterior.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibiran esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero con anterioridade.

Advertisement